• CAMPAMENTO INFANCIA MISIONERA 2024


    ¡Abiertas las inscripciones!
  • MEMORIA DE ACTIVIDADES


    Mira todo lo que hicimos en 2022
  • MEDITACIÓN DIARIA


    ¡Reza con nosotros por las misiones!
  • SUPERGESTO


    La revista para jóvenes, ahora en formato 100% digital

viernes, 8 de marzo de 2013

NUESTROS MISIONEROS NOS ESCRIBEN


“Onde hai fumo, hai lume”*

Kasempa, 10 de decembro do 2012
 Queridos amigos e amigas:
Saudos cheos de Esperanza neste tempo e Advento que xa nos anticipa a ledicia do Nadal. Por aquí estamos xa metidos na estación das chuvias. É polo tanto tempo de sementar e a xente anda case toda nas fincas preparando a sementeira do millo, cacahuetes, feixóns, sorgo, boniatos….
É un tempo que invita a esperanza porque a xente  espera unha colleita abundante e polo tanto que a fame non teña sitio no ano que se aveciña.
Aquí como as chuvias son con moita forza hai que preparar os surcos altos para que as enxurradas non leven por diante a semente.
Pouco a pouco a agricultura vai sendo máis importante na vida da xente e ademáis vai traendo algo de desenvolvemento, ainda que haxa moita dependencia do millo a hora de cultivar. Esperemos que pouco a pouco os chamados “cash crops” (cultivos que deixan beneficio) se vaian introducindo na provincia e vexamos a xente cultivar algodón, tabaco, arroz, soja ou incluso café ou centeo. A terra é moi fértil e se poden cultivar moitas cousas.


“O rato xa empeza a engordar na sua xuventude” 
    (o proceso de adquirir a sabiduría é gradual)

Funeral en Zambia.
A volta de España me tocou seguir coa tradición e ter o funeral aquí pola miña nai. Tivemos Misa de funeral e ademáis na semana en que chegei me truxeron máis de 30 galiñas e algo de diñeiro para aliviar os gastos do funeral e amosar o seu pésame.
Aquí a tradición manda que cando hai funeral hai que arrimalo ombro. Non se pode deixar aos familaires ou amigos na estacada. Máis ainda, para os días de funeral (que aquí poden ser entre dous e catro) hai inlcuso un saudo especial que pon de manifesto a dor que sinten os familiares do defunto.


“A gacela pode ser tonta pero os ollos ven” 
   (cando un vai a un lugar novo debe ser humilde para aprender rápido)

En Zambia os funerais son actos sociais que implican a toda a comunidade no sentido máis amplio da palabra. Hai veces que se espera a que veñan os familiares que están lonxe e ademáis hai que alimentar a xente que ven ao funeral, sobre todo pola noite adoita vir moita xente. Polo tanto o funeral supón un gasto enorme en viaxes, comida, ataude e tamén roupas, pois o negro é a color para ese momento. Pola casa do defunto pasan absolutamente tódolos veciños como nunha especie de ritual. Os choros son tan necesarios como a veces finxidos e hai mulleres que xa son expertas en facer chorar ao persoal. Non está ben visto ver a un home chorar (signo de debilidade), a non ser que sexa un familiar moi cercano. Aquí os sentimentos se expresan pouco e sempre hai que controlalos moito.

“Onde o elefante morre, topas os osos”   
    (é bo deixar algo para os familiares e os amigos  para que se acorden de ti)

Mirando ao futuro: novos plans
Chegei a Kasempa a finais de outobro do ano 2002 despois de estar un  ano na misión e Saint Dorothy con Chema, un compañeiro de Ciudad Real. A chegada a Kasempa non foi fácil. Xa o sabía. Antes estivera aquí e xa puiden ver algo, ademáis o bispo xa me dixera antes de vir que viña a un sitio ao que se negaran a vir catro curas.
Como moitos sabedes o comezo foi duro, ameaza de morte incluida. Despois as cousas se foron asentando e otraballo dando os seus froitos. Nestes dez anos aquí traballei con un compañeiro do Ieme e con cinco curas locais e dous diáconos e varias monxas ata que se foron.
Pastoralmente a parroquia estaba realmente mal. Era a máis grande de toda Zambia, cunha superficie superior aos 27.000 kms cuadrados e con comunidades moi lonxanas, moitas moi débiles e unhas carreteras que eran realmente infernais. Ademáis case os dous primeiros anos estiven sólo, unha dificultade engadida.

“Quen mellor coñece o ferro é o ferreiro”  
    (non falemos de cousas que non coñecemos)

Dinlle preferencia a formación de líderes: catequistas, encargados da liturxia e servicio dominical,aos consellos de zona e aos coros (porque aquí a música ten a súa importancia). Xa tiña unha idea porque isto xa o vira en St. Dorothy como algo prioritario. É pouco a pouco fomos tirando para adiante. Ademáis topei tempo para traducir, en compañía de varios catequistas, material ao kaonde para usar na pastoral.
A resposta da xente foi boa, ainda que tiven algún problema con algún catequista, moi acostumado a mandar e facer pouco. As convivencias de zonas para catequistas foron todo un éxito, o mesmo que as dos coros. Incluso temos un grupo de compositores na parroquia! E iso que eu no seminario era analfasolfo. Nunca eu pensei estar metido nestes fregados musicais.
Todo iso fixo que o número de catequistas fora aumentando e tamén os das comunidades. Pasamos de 25 a 122 catequistas en 7 anos e hoxe en día son moitos máis porque xa temos catequistas de infancia.

“A forza do cocodrilo está no rabo” 
    (as apariencias engañan)

As comunidades pasaron de 27 a 72. Todo un traballo que foi mérito dun equipo: dous curas, un diácono e duas monxas traballamos moi duro no 2004-2006. Visitamos tódalas aldeas onde querían ter unha comunidade católica e tivemos alí convivencias, xornadas e cursiños de diversos tipos. A saude me acompañou e no 2005 durmín máis de 200 noites fora de Kasempa.
A chegada dun bispo novo a diócese foi un impulso grande para todos no 2007. Cando viu a misión de Kasempa me preguntou cantas novas parroquias habería que abrir para darlle un bo servicio a xente. Lle dixen que tres. E plans se fixeron na diócese no 2008 para que en 6 anos esas tres parroquias esten abertas. Unha xa está funcionando e nela están dous compañieros do Ieme, Gabi de Burgos e Javi López de Navarra.

“Os ombros non son máis altos que a cabeza" 
    (a xuventude debe respetar aos maiores)

Agora toca abrir a segunda. O bispo me dixo se era posible buscar algo de fondos para ir apurando o proceso. Falei con curas da diócese e co bispo sobre este tema. A verdade é que me fai ilusión que o diñeiro para esta misión nova no sur de Kasempa veña da nosa diócese. Ademáis para o ano fago os 25 anos de cura e polo tanto abrir unha nova misión nese ano é unh boa maneira de celebralo.
A división de Kasempa faise necesaria, afortunadamente vai habendo máis curas na diócese e polo tanto é posible facelo agora. O proxecto é realmente ambicioso e coido que posible.

 “A árbore que está a morrer desfaise das follas” 
      (calquer líder ten o seu sucesor)

Abrir unha nova misión supón estar moito máis preto da xente, ter máis programas a nivel social e educativo e iso é sempre unha axuda para a xente. O estar no medio rural é un desafío (poucas infraestructuras), pero despois de tantos anos en Zambia  estou de sobra preparado para vivir sen luz eléctrica, asfalto ou teléfono. Estas carencias nin me asustan.
A nova parroquia terá 23 comunidades, todas elas ao longo do río Lunga, nunha zona que tendo unhas posibilidades inmensas, conta con uns niveis de desenvolvemento moi altos e onde ainda a agricultura e a educación non son tomadas en serio pola xente. Sobra decir que traballo non falta nesa zona e para alí irei encantado da vida.

“A lebre engaña o elefante e o hipopótamo” 
    (o tamaño non o é todo, a intelixencia fai máis)

Polo tanto estarei 3 meses (febreiro, marzo e abril. O mes de maio descansarei e celebrarei os 25 anos de cura) en Vigo facendo animación misioneira e recaudando fondos para a  nova misión.
Para a nova misión necesitamos, para facer as cousas ben (ainda que en Africa con menos tamén se pasa) unha casa para os curas, unha igrexa, salón parroquial e un coche (furgoneta tipo pick-up). Anda todo por uns 150.000 euros. O plan é conseguir 30 párrocos que en 3 anos (ou menos)  aporten 5.000 euros da(s) sua(s) parroquia(s).
Coido que si facemos ben as cousas non é dificil lograr o obxectivo. A diócese de Solwezi buscará os fondos para o parvulario e para os programas sociais.
 Polo tanto a finais de xaneiro me teredes outra vez por ahí. Agora para algo moi distinto. Sei que son tempos difíciles, pero os misioneiros xa estamos acostumados as adversidades e polo tanto o desánimo non topa lugar na nosa axenda. Iso sí, xa podedes ir correndo a voz para que a xente se vai enterando do proxecto.
 Por hoxe máis nada. Que o Nadal nos encha de Esperanza para seguir construindo o Reinado de Deus desde a paz e a xustiza.
Seguimos en Comunión.
José Manuel Bernárdez Gándara, desde Kasempa, Zambia.

* Os refráns que van polo medio son da tribu kaonde